Mércores 08/05/2024 — 19:00 h
Local de Lar de Unta
Continuamos co ciclo de cinema polo 25 aniversario do Lar de Unta co filme A lingua das bolboretas. Este filme é a versión cinematográfica de varios relatos do escritor Manuel Rivas, publicados dentro do libro Que me queres, amor?. José Luis Cuerda levou ó cine no ano 1999 esta historia da infancia nun contorno rural case idílico sobre a que se cerne a sombra do alzamento contra a II República Española.
Sinopse
O filme trata sobre a relación dun neno e o seu mestre durante a época anterior á guerra civil española. Ó principio o neno, Moncho, ten medo de ir á escola xa que o asustaran dicíndolle que os mestres zoupaban nos estudantes. Iso era habitual na educación da época, pero o seu mestre non é así, xa que Don Gregorio utiliza o método de observación como ensinanza. Don Gregorio ensínalle moitas cousas a Moncho e principalmente fálalle sobre a liberdade.
Nese tempo prodúcese a sublevación miliata de 18 de xullo de 1936. Os sublevados conseguen o control dos gobernos civís e militares nas capitais provinciais galegas, e comezan as incursións de determinados grupos de falanxistas e gardas civís polas vilas e aldeas, á procura de republicanos para lles aplicaren represalias. Iso acontece na vila do filme: levan presos varios republicanos nun camión. No camión, atópanse varios amigos e coñecidos do lugar e tamén está Don Gregorio. Os pais de Moncho, en especial a súa nai, exhórtano a que berre contra os republicanos, deixando clara a súa postura política. Comezou a berrarlles “Roxos! Asasinos!”, como facían os demais, pero ó cabo, marchou correndo detrás do camión dicíndolle a Don Gregorio “Tilonorrinco! Espiritrompa!”, palabras que aprendera del nas súas clases.