Xoves 24/10/2024 — 20:00 h
O xoves 24/10/2024 termos a proxección dun documental sobre o intento de instalar unha nova celulosa na Ulloa. No posterior coloquio contaremos con Amancio Sotillo (organización ecoloxista ADEGA) e Cosme Damián Romay (Grupo Naturalista Hábitad) que nos ilustrarán sobre a situación do proxecto a día de hoxe.
A Xunta, Altri e Greenalia pretenden instalar unha fábrica de celulosa e lyocell no centro do país. O que ía ser un proxecto “sostible” e “respectuoso co medio” rematou sendo o enésimo intento de lucro do capitalismo salvaxe cos recursos da nosa terra. Na súa defensa, a veciñanza da Ulloa organizada, protexendo os seus ríos, o seu aire e os seus empregos deste intento de espolio.
O audiovisual percorre o ciclo da auga proxectado pola promotora do proxecto; desde o punto de recollida de ata 46 millóns de litros diarios en Brocos, ata O Sexo, onde será devolta parte da auga, tratada e máis quente. Polo camiño, 20 quilómetros de tubaxes, centos de fincas expropiadas, e unha megafactoría en Palas de Rei, pegada ao Camiño de Santiago, que emitirá oxido de xofre e óxido de nitróxeno á atmosfera.
Voces expertas e veciñas destes lugares expoñen de que xeito lles pode afectar no seu día a día e nos seus empregos, nunha zona vizosa de proxectos sostibles que agora son amenazados.
O audiovisual, de Xarda e O Salto Galiza, foi realizado por Elena Martín e Pablo Santiago e contou co apoio e a colaboración de varias asociacións e plataformas en defensa do territorio.