A Asociación Lar de Unta, co ánimo de contribuir á reflexión colectiva sobre Betanzos, organiza unhas novas xornadas de arquitectura e urbanismo enfocadas nesta ocasión á Muralla de Betanzos.
Muralla ou murallas da nosa vila que entendemos que é unha das circunstancias que lle dan peculiaridade á nosa cidade e das cales temos exemplos como as súas portas que aínda se conservan e lle dan un forte carácter á nosa urbe. Muralla que xa é unha xeradora de riqueza económica para a vila e que pode ampliar o seu cometido.
ANDAINA POLA MURALLA CON ISIDRO DOPORTO
Día 17/11/2024 — 12:00 h.
O Arquitecto Técnico Isidro Doporto guiará un percorrido pola muralla descubríndonos lugares curiosos ou peculiares que nos farán coñecer mellor esta parte da nosa vila.
A continuación celebraremos un coloquio sobre a situación actual da muralla e as posibilidades de contribución da mesma á posta en valor de moitos dos inmobles que actualmente se atopan en estado ruinoso.
CONFERENCIA CON JOSÉ MANUEL VÁZQUEZ MOSQUERA
“BETANZOS E AS SÚAS MURALLAS”.
Día 20/11/2024 — 20:00 h.
O Arquitecto e profesor doutor da UDC José Manuel Vázquez Mosquera realizará unha conferencia sobre “Betanzos e as súas murallas”.
Explicará por qué a nosa vila ten ou tivo mais dunha muralla e aportará a súa lúcida análise ao presente e futuro deste ben tan preciado. O seu punto de vista será especialmente valioso dada a súa grande experiencia como urbanista e relevante creador de numerosas obras que humanizan diversas vilas galegas.
CONVERSAS NO LAR CON ALFREDO ERIAS
Día 23/11/2024 — 12:30 h.
O día 23 conversaremos con Alfredo Erias, Alfredo Erias Martínez, Licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte. Ex-director do Arquivo, Biblioteca Municipal e Museo das Mariñas. Nesta conversa trataremos entre outras cousas a súa opinión do presente e futuro da muralla en Betanzos.
Alfredo Erias falará distendidamente sobre moitas outros feitos da súa prolongada experiencia profesional así como dará o seu punto de vista sobre a nosa vila e o seu futuro.