Día 12/06/2025 — 20:00 h
Local de Lar de Unta
O vindeiro mércores 12 de xuño, a Asociación Lar de Unta de Betanzos acollerá a presentación da primeira novela de ficción de Manuel Castro Santamariña (Guitiriz, 1958), titulada A noite que se foi a luz (Xermolos, 2025). Activista cultural, mestre xubilado e dinamizador incansable da vida cultural galega —e moi especialmente da Terra Chá—, Castro Santamariña conta cunha longa traxectoria de compromiso coa lingua e a cultura do país.
Foi presidente do IESCHA (Instituto de Estudos Chairegos), colaborador habitual en múltiples publicacións e autor do Cancioneiro das Terras de Aranga (2013), unha obra que recolle o patrimonio oral e musical desa comarca.
Con A noite que se foi a luz, o autor dá o salto á narrativa de ficción, ofrecendo unha historia que promete emocionar e facer reflexionar. A obra foi presentada por primeira vez o pasado 23 de maio na Escola Habaneira de Guitiriz, nun acto no que participaron tamén Alfonso Blanco Torrado, Pastora Veres Rosende e Xoán Carlos Vivero López.
Agora, chega a Betanzos como parte dunha xira de presentacións que tamén pasará por Vilalba, Lugo e outras localidades.
