Premio Garelos de Cultura 2026 ao Lar de Unta

O Concello de Betanzos concede o Premio Garelos de Cultura 2026 á Asociación Lar de Unta

Dende a Asociación Lar de Unta queremos expresar o noso máis fondo agradecemento a Betanzos por concedernos o Premio Garelos 2026 na categoría de Cultura.

Este recoñecemento ten para nós un valor moi especial, xa que foi aprobado por consenso de todos os grupos políticos do pleno municipal. Que as distintas forzas políticas coincidan en valorar o noso traballo é unha honra que nos enche de orgullo e nos reafirma no que estamos a facer.

27 anos de cultura e dinamización

A Asociación Lar de Unta naceu no ano 1999, froito dun pequeno club de fútbol ao que decidimos dar un compoñente cultural. Desde aquela, fomos medrando e querendo mostrar co noso exemplo como se pode facer un traballo plural, inclusivo e positivo que represente á maioría da nosa sociedade e sen perder os principios que nos animaron nun inicio.

A nosa sede na Rúa Pescadería, en pleno Casco Histórico, é o noso punto de encontro e o símbolo da nosa aposta pola recuperación desta zona da vila. Ao longo destes 27 anos, organizamos conferencias, exposicións, publicacións e numerosas iniciativas de divulgación do patrimonio brigantino.

Os betanceiros e betanceiras saben que somos unha Asociación que forma parte da vida de Betanzos e que non queda calada cando hai algo que toda a vila sinta fondamente, así participamos na Plataforma Nunca Mais no ano 2004, tralo desastre do Prestige, ou chegamos a realizar o lanzamento do “irmán pequeno” do Globo de San Roque en 2023, cando a suspensión do aerostato tradicional deixou orfa a veciñanza.

Todo isto sería imposible sen a xenerosidade e o traballo desinteresado de todas e todos os socios actuais e pasados que ao longo destes 27 anos lle déron vida a esta asociación, así como dos colaboradores que dun xeito altruísta nos axudan a organizar ou participan nas nosas actividades.

Un premio de todos e para todos

Este Premio Garelos non é só noso: é de toda a cidadanía de Betanzos que nos apoiou, que participou nas nosas actividades e que fixo posible que Lar de Unta sexa hoxe o que é: unha asociación que dende a súa modestia axuda a facer o Betanzos que todos queremos e entende que ninguén sobra sempre que aporte e axude a construír.

Seguiremos traballando coa mesma ilusión do primeiro día, defendendo a nosa lingua, a nosa cultura e o noso patrimonio, e dinamizando a vida social e cultural da nosa vila dende un punto de vista popular e aberto a todos.

Moitas grazas a todas e todos.

A Asociación Lar de Unta

 

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de cookies. Se segues navegando aceptalas.    Ver
Privacidad