XORNADAS IRMANDIÑAS 2022 : XOAN BRANCO

XORNADAS IRMANDIÑAS : XOAN BRANCO

Como preludio da Feira Medieval, a Asociación ven de organizar unhas xornadas previas ao inicio da Feira poñendo en relevancia unha figura senlleira da época medieval da vila, para afondar no coñecemento del por parte de toda a cidadanía. neste ano a figura homenaxeada é a de Xoan Branco.

Un completo calendario para poñer en valor a figura deste Irmandiño que foi figura determinante nas revoltas que condicionaron o Betanzos medieval.

26/06/22 domingo 12:00h. Palco Música Andaina guiada polo Betanzos Medieval
27/06/22 luns 20:00h. Salón Azul conferencia “O espiritu revolucionário de Antolin Faraldo” por Dani Seixo
28/06/22 martes 20:00h. Biblos presentación do libro coa obra teatral de Maria Xosé Lamas “Un corvo en Caldaloba”
29/06/22 mércores 20:00h. Salón Azul recital poético de vári@s poetas: “Recital poético Irmandinho”
30/06/22 xoves 20:00h. Biblos conferencia de Fran ZABALETA, autor do libro “Xoán Branco e a grande revolta Irmandinha”
Sketch teatral na Feira Medieval adicado á figura de Xoan Branco

XOAN BRANCO

Xoán Branco, notario e escribán de Betanzos, foi o dirixente máis representativo da gran revolta irmandiña que sacudiu Galiza entre 1467 e 1469, o único capitán xeneral, que saibamos, que non procedía do estamento nobiliario, como sucedeu no caso de Alonso de Lanzós, Diego de Lemos e Pedro Osorio, os outros tres grandes nomes da revolta.

Branco é citado polos documentos da época como deputado, representante ante o rei, capitán xeneral e, fundamentalmente, home honesto e cabal, amigo dos pobres e preocupado polos abusos dos señores. Aparece na memoria colectiva derrubando fortalezas, ordenando o axustizamento de malfeitores e acudindo ante o rei Henrique IV en representación dos irmandiños. Foi quen de agrupar a labregos, burgueses, artesáns, mercadores e cregos na defensa da paz e o bo goberno. A súa morte, tras a derrota da Irmandade, está rodeada de misterio. As fontes afirman que «o mataron», aínda que sen especificar quen nin en que circunstancias. A súa memoria perdurou no imaxinario popular como exemplo de home xusto e defensor dos humildes.

A gran revolta irmandiña

gran revolta irmandiña, fito fundamental da historia non só de Galiza senón das revolucións modernas europeas, foi un fenómeno transversal que aglutinou as arelas de cambio de todos os sectores sociais do antigo reino de Galiza. Moi diversas institucións, concellos, gremios, cabidos, abadías, etc., implicáronse na loita contra as arbitrariedades da nobreza, sufragaron a guerra e contribuíron creando cuadrillas de voluntarios para derrubar fortalezas e expulsar a señores e malfeitores. Foi a primeira revolta europea que ergueu a todo un pobo e conseguíu a implantación, aínda que por un breve período de tempo, dunha nova orde baseada na xustiza e a equidade. Á fronte estaban as Xuntas da Irmandade do Reino de Galiza, o antecedente da actual Xunta de Galiza, que artellaron unha organización que foi quen de facer fuxir aos nobres, extirpar o bandoleirismo, organizar a administración de xustiza, o poder militar e o cobro de tributos en representación do rei e impoñer a paz.

A gran revolta irmandiña segue a ser a gran descoñecida da nosa historia como país. Xeralmente, coñécense de forma superficial os feitos, mais permanece no esquecemento o seu alcance e a súa trascendencia. Pois a revolta supuxo a fin da cabaleiría medieval en Galiza e abríu as portas á idade moderna. A revolta dos irmandiños, coa súa capacidade para erguer a todo un pobo contra das inxustizas e arbitrariedades da nobreza, é un acontecemento que expresa como poucos a forza da unidade nuns viláns sometidos a un sistema social tan brutal como inxusto. Por méritos propios, forma parte dese reducido conxunto de xestas das que a humanidade enteira debe sentirse, con razón, orgullosa. Pois, ao cabo, a gran revolta irmandiña non é sino un chanzo máis na procura da liberdade e a dignidade humanas.

A presente obra só ten unha pretensión: achegar, a través da figura dun dos impulsores deste movemento, aqueles trascendentais feitos dos que os nosos antergos foron protagonistas. Porque neles, nos sucesos deses anos, alenta o mellor de nós como país.

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de cookies. Se segues navegando aceptalas.    Ver
Privacidad