Grupo de Pandeireta e Baile tradicional 2026-27

🎶 Cursos de pandeireta e baile 2026–2027

LOCAL DE LAR DE UNTA – INICIO 07/10/2026

O Lar de Unta pon en marcha unha nova edición dos seus cursos de pandeireta e baile tradicional, unha proposta pensada tanto para aquelas persoas que queren iniciarse na música e na danza tradicional galega como para quen xa ten experiencia e quere seguir avanzando.

As actividades desenvolveranse desde outubro de 2026 ata maio de 2027, sempre os mércores, e a organización definitiva dos grupos estará condicionada ao número de persoas inscritas.

Horarios e grupos

  • Pandeireta – nivel intermedio: de 20:00 a 20:45 h · 8 € de colaboración mensual
  • Iniciación ao baile tradicional: de 20:45 a 21:15 h · 4 € de colaboración mensual
  • Pandeireta – iniciación: de 21:15 a 22:00 h · 8 € de colaboración mensual

A intención é formar grupos cun número suficiente de participantes para garantir o bo desenvolvemento das clases e favorecer un ambiente de aprendizaxe e participación.

📌 Posibles modificacións segundo os grupos

Os horarios e as achegas económicas previstas poderán axustarse en función do número final de persoas inscritas, establecéndose como referencia un mínimo de 15 participantes por grupo.

No caso de que non se acade o número mínimo para formar o grupo de iniciación ao baile, as clases de pandeireta pasarían a ter unha duración de 60 minutos, cunha colaboración de 10 € mensuais.

Se, pola contra, non se consegue formar o grupo de pandeireta de iniciación, o grupo de pandeireta de nivel intermedio pasaría a ter unha duración de 60 minutos, cunha colaboración de 10 € mensuais, mentres que o espazo destinado ao baile tería unha duración de 30 minutos, cunha colaboración de 5 € mensuais.

Deste xeito, procuraremos adaptar a proposta ás persoas finalmente inscritas, mantendo sempre o obxectivo de facilitar a participación e continuar promovendo o coñecemento e a práctica da cultura e da música tradicional galega.

📝 Inscricións

As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición antes do 23 de setembro de 2026, enviando un correo electrónico a:

lardeunta@gmail.com

No correo de inscrición agradeceremos indicar nome e apelidos, así como o grupo ou grupos nos que se ten interese en participar.

Animámosvos a participar e a compartir con nós un novo curso arredor da pandeireta, o baile e a nosa cultura tradicional.

Agardámosvos no Lar de Unta! 🎵

Grupo de Conversas en Galego FALARMOS NOS NO LAR DE UNTA 2026-27

Inicio de grupo: 21/09/2026 ás 20:00 horas

TODOS OS LUNS ÁS 20:00 h NO LOCAL DE LAR DE UNTA

A Asociación Lar de Unta, dentro do programa Falarmos Nós organizado pola Deputación da Coruña, inicia un novo Grupo de Conversas en Galego.

A iniciativa está aberta a calquera persoa que queira iniciarse ou practicar o seu galego nun ambiente agradable e cheo de iniciativas. Se o ano pasado fomos a algunha adega do Viño do País ou trouxemos algunha autora a falar con nós, neste ano tentaremos superarnos.

Se queres darlle á nosa lingua sen parar ou coñecer xente nova que che ensine Betanzos dende dentro, apúntate.

Podes enviar un mail a lardeunta@gmail.com ou presentarte o día de inicio de curso no local de Lar de Unta.

Contamos contigo !!

Premio Garelos de Cultura 2026 ao Lar de Unta

O Concello de Betanzos concede o Premio Garelos de Cultura 2026 á Asociación Lar de Unta

Dende a Asociación Lar de Unta queremos expresar o noso máis fondo agradecemento a Betanzos por concedernos o Premio Garelos 2026 na categoría de Cultura.

Este recoñecemento ten para nós un valor moi especial, xa que foi aprobado por consenso de todos os grupos políticos do pleno municipal. Que as distintas forzas políticas coincidan en valorar o noso traballo é unha honra que nos enche de orgullo e nos reafirma no que estamos a facer.

27 anos de cultura e dinamización

A Asociación Lar de Unta naceu no ano 1999, froito dun pequeno club de fútbol ao que decidimos dar un compoñente cultural. Desde aquela, fomos medrando e querendo mostrar co noso exemplo como se pode facer un traballo plural, inclusivo e positivo que represente á maioría da nosa sociedade e sen perder os principios que nos animaron nun inicio.

A nosa sede na Rúa Pescadería, en pleno Casco Histórico, é o noso punto de encontro e o símbolo da nosa aposta pola recuperación desta zona da vila. Ao longo destes 27 anos, organizamos conferencias, exposicións, publicacións e numerosas iniciativas de divulgación do patrimonio brigantino.

Os betanceiros e betanceiras saben que somos unha Asociación que forma parte da vida de Betanzos e que non queda calada cando hai algo que toda a vila sinta fondamente, así participamos na Plataforma Nunca Mais no ano 2004, tralo desastre do Prestige, ou chegamos a realizar o lanzamento do “irmán pequeno” do Globo de San Roque en 2023, cando a suspensión do aerostato tradicional deixou orfa a veciñanza.

Todo isto sería imposible sen a xenerosidade e o traballo desinteresado de todas e todos os socios actuais e pasados que ao longo destes 27 anos lle déron vida a esta asociación, así como dos colaboradores que dun xeito altruísta nos axudan a organizar ou participan nas nosas actividades.

Un premio de todos e para todos

Este Premio Garelos non é só noso: é de toda a cidadanía de Betanzos que nos apoiou, que participou nas nosas actividades e que fixo posible que Lar de Unta sexa hoxe o que é: unha asociación que dende a súa modestia axuda a facer o Betanzos que todos queremos e entende que ninguén sobra sempre que aporte e axude a construír.

Seguiremos traballando coa mesma ilusión do primeiro día, defendendo a nosa lingua, a nosa cultura e o noso patrimonio, e dinamizando a vida social e cultural da nosa vila dende un punto de vista popular e aberto a todos.

Moitas grazas a todas e todos.

A Asociación Lar de Unta

 

Finalización Curso de Pandeireta e Canto 2025-26

🪕💙 Rematamos o curso… pero isto é só un “ata logo”!

Chegamos ao final desta edición do noso Curso de Pandeireta, e só podemos dicir unha palabra: grazas.

En primeiro lugar, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Miguel, pola súa paciencia, dedicación e bo facer. Grazas ao seu xeito de ensinar, fomos medrando semana a semana ata sentirnos, por momentos, case profesionais da pandeireta.

Pero este curso non sería o mesmo sen cada unha das persoas que participastes nel. Grazas pola vosa implicación, pola ilusión que puxestes en cada ensaio e por facer que cada encontro semanal fose unha experiencia agradable, divertida e enriquecedora. O bo ambiente que se creou é, sen dúbida, o mellor éxito deste curso.

🎶 Xa sabedes que tedes a vosa praza reservada para o vindeiro ano.

📅 A finais de agosto poremos en contacto con todas as persoas interesadas para organizar as inscricións e comezar unha nova edición do curso no mes de outubro.

Agora toca descansar, gozar do verán e seguir enchendo as rúas da nosa vila de música e alegría.

☀️ Bo verán a todas e todos! Vémonos por Betanzos… e moi pronto volveremos facer soar as pandeiretas!

#LarDeUnta #Pandeireta #MúsicaTradicional #CulturaGalega #Betanzos #Tradición #BoVerán

Lumeiradas de San Xoan 2026

DIA 23/06/2026 — 20:00 H

LOCAL DE LAR DE UNTA

Como todos os anos celebraremos as Lumeiras de San Xoan o día 23/06/2026.

Arrancaremos a partires das oito da tarde coa preparación do lume.

20:00 horas Preparación do lume por parte dos socios que se apunten

21:00 horas  Sardiñada e churrasco abertos a socios e invitados

Custo de 5€ para socios  (10 € para non socios)

SOCIOS PODEN APUNTARSE ANTES DO 15 DE XUÑO ás 23:00 horas
(16 de xuño para non socios )

 

Xornadas de Traballo: 20 e 27 de xuño

Iniciamos a preparación do local de cara á Feira Medieval, para elo necesitamos a colaboración de todos os socios e socias para unas xornadas de traballo que nos permitan telo todo amañado de cara ao mes de xullo.

O día 20 e 27 faremos a xornada en dúas quendas:

9:00 h en adiante

17.30 h en adiante

Como todos os anos, retiraremos as estufas e todo o material non necesario para o faiado ou o cuarto almacén, colocaremos as barras do local e sacaremos o barro. Baixaremos o posto exterior para a súa colocación na semana da feira. Faremos unha limpeza xeral.

Intentaremos realizar todos os traballos o día 20, quedando os que non fosen posibles para o 27.

 

Conversas no Lar: Xurxo Souto con Paco Casal APRAZADA

DIA 31 DE MAIO DE 2026 – 12:00 H

LOCAL DE LAR DE UNTA

O evento que ía ser realizado na Asociación con Xurxo Souto e Paco Casal, lembrando épocas e experiencias deste gran autor da música betanceira ten que vir de ser aprazado por motivos persoais.

Esperemos que en breve poidamos axendar unha nova data para poder disfrutar da compañía destes dous mónstruos da nosa cultura na nosa Asociación.

A Asociación pide disculpas polas molestias.

 

Conversas no Lar con Ana Tomé

Día 23/05/2026 — 12:00 h

Local de Lar de Unta

Este día temos con nós a Ana Tomé, xornalista e docente, apaixoada da comunicación dixital.

Estamos encantados de recibir na nosa asociación a esta antiga socia que sempre está implicada en numerosas actividades de promoción da fotografía e a imaxe no sentido mais amplo. Unha das artistas que promoven activamente a fotografía, e non só, como un xeito de expresarse nos nosos días.

Numerosos cursos e obra a avalan e hoxe departirá con nós acerca da súa visión tanto dos proxectos nos que participa así como da realidade cultural da nosa vila.

Cineclube Especial Letras Galegas: “Entre línguas”

Día 18/05/2026 — 20:00

Local de Lar de Unta

Con motivo das Letras Galegas e celebrando o éxito do Grupo de Conversas en Galego creado pola Asociación e integrado no programa Falarmos Nós da Deputación da Coruña, para reunir  a todos aqueles que buscan un sitio amable onde conversar en galego, axudando a xente que na súa vida diaria non atopan eses espazos.

Nesta ocasión proxectaremos o filme Entre Línguas, documental dirixido por Joao Aveledo, Eduardo Maragoto e Vanessa Vila Verde, onde nos falan dos catro  territorios situados ao longo da fronteira de España con Portugal, dende a provincia de Zamora ata Badaxoz, nos que por diversas vicisitudes hitóricas, conservan a língua galega, coa súa variante local.  Os seus veciños contan como viven esa peculiaridade.

A continuación teremos un coloquio entre os presentes e cos membros do Grupo de Conversas sobre a realidade da língua nos diversos ámbitos sociais.

 

 

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de cookies. Se segues navegando aceptalas.    Ver
Privacidad