Conferencia : OS GALAICOS por André Pena Granha

CONFERENCIA: OS GALAICOS

 

O vindeiro Sábado 26 as 19.30 horas a Asociación gastronómica, cultural, xuvenil e deportiva LAR DE UNTA de Betanzos organiza a conferencia impartida polo historiador André Pena Granha sobre os Celtas en Galiza. A conferencia estará presentada polo profesor Bieito Lorenzo Penela do Lar de Unta.

 

PORAndré Pena Granha é Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela, desde 1987 traballa como historiador, arqueólogo e arquiveiro do concello de Narón. Isto permitiulle realizar o estudo, factográfico, inter e multidisciplinar, de longa duración, antes, durante, e logo da dominación romana dunha comarca: “A Terra de Trasancos”.

Foi secretario de organización de tres congresos internacionais Os Celtas da Europa Atlántica IIIIII; e, tamén secretario de organización do I Congreso del Instituto de Estudios Celtas Etnoarqueologia de los Celtas en Hispania;. Pena Graña é o actual decano do Instituto Galego de Estudos Célticos. Activo defensor da civilización celta, de Galicia como berce dos celtas da Europa atlántica, restaurou, con base epistémica, os estudos celtas eliminados en Galicia trala guerra civil.

A súa aproximación con metodoloxía inter e multidiscipliar á arqueoloxía e á etnografía, creou un novo método que permite identificar institucións na prehistoria, unha nova rama da arqueoloxía, que vén enriquecer as xa existentes, desenvolvida na súa tese doutoral Treba e Territorium, chamada por Venceslás Kruta “Arqueoloxía Institucional”. Ten colaborado tamén nos cadernos do Anuario Brigantino.

O profesor Pena é autor dunha extensa obra e numerosas publicacións tanto de estudos históricos da comarca de Ferrolterra como de importantes traballos arredor do celtismo editados en varios idiomas, do que é un dos máis importantes expertos a nível internacional.

Temos pois unha interesante conferencia sobre as orixes celtas dos galegos o próximo sábado ás 19:30 no Lar de Unta, rúa Pescadería 3, Betanzos. A entrada, de balde.

Cine Clube Lar de Unta : “DOS GAITEIROS DO MAR”

DOS GAITEIROS DO MAR
CINE CLUBE LAR DE UNTA

O vindeiro mércores 23 de outubro teremos a proxección da segunda película pola noso cine clube Lar de Unta.  Contaremos cun dos directores do filme, o polifacético autor Xurxo Souto, que nos ilustrará sobre a película e poderemos charlar posteriormente sobre multitude de cuestións.

Di Xurxo que o 23 “levaremos o mar do Morrazo e de Namibia ao mar de Betanzos, un mar fondo noutrora que hai que lembrar para a memória colectiva”. Así pois, no LAR DE UNTA, Dos Gaiteiros do Mar, mercores 23 ás 20:30! Medre o mar!!

Mércores 23 ás 20:30 coa presenza dun dos directores, Xurxo Souto, que virá cargado de sorpresas. Entrada de balde até completar aforo.

 

Datos do filme:
Ano / País:
2015 / Galiza
Título orixinal:
Dos gaiteiros do mar
Guion
Xurxo Souto, Daniel Lavesedo
Productora
Borneira Audiovisual / GZ Música

Sinopse:
Manuel Sotelo, “Manoliño de Donón”, sempre quixo ser gaiteiro. Aos 18 anos estivo a punto de cumprir o seu soño, tocar no palco do Carnaval de Hío. Pero xusto unha semana antes tivo que ir embarcar. Ao longo da súa vida profesional pescóu, é dicer, tocóu, tamén en Uruguay, Terranova ou nas Malvinas. Agora, xubilado, 40 anos despois vai cumprir o seu soño de xuventude co seu compañeiro de entonces, Lito de Pinténs e vai a actuar nun dos palcos do Carnaval de Hío…

 

O CINE CLUBE LAR DE UNTA PROXECTA O DÍA 23 “DOS GAITEIROS DO MAR” DE XURXO SOUTO.

Asistirá o director do filme.

Xurxo Souto codirixe xunto a Marín Rodas o documental Dos gaiteiros do marunha fita que recupera a memoria dos mariñeiros-gaiteiros que se embarcaron nos anos sesenta e setenta con destino ao Gran Sol, a Terranova, a Namibia. A eses e outros moitos lugares levaron a nosa música. Xurxo presentará o documental o mércores 23 de outubro no Cine Clube LAR DE UNTA ás 20:30. A entrada, de balde até  completar o aforo.

“Tocaron a gaita en Terranova, en Namibia, no mar do Carburo; fixeron música mestiza e cosmopolita mesmo antes de que existisen esas palabras”. Así resume Xurxo Souto a historia de Dos Gaiteiros do mar, o documental producido por Borneira Audiovisual que codirixe xunto a Martín Rodas e que se proxectará o mércores  23 no Cine Clube LAR DE UNTA coa presenza do próprio Xurxo Souto. Nesta fita recupérase o relato dos gaiteiros-mariñeiros que nos anos sesenta e setenta embarcaron cara ao Gran Sol. As voces que recolle o documental pertencen a Manuel Sotelo (Manoliño De Donón)  e Lito de Pinténs. A súa historia é a historia da música tradicional lonxe da terra, das gaitas máis alá da terra firme , alén do noso horizonte. Eles son os gaiteiros do mar deste documental que, segundo Souto, servirá para provocar a “descuberta dun mundo” que descoñecemos na Galicia. “Hai gaiteiros do mar que non coñecemos, dos que non sabemos nada. Ben seguro que despois deste documental, descubriremos moitos máis”, sinala Xurxo Souto.

“Tocaron a gaita en Terranova, en Namibia, no mar do Carburo; fixeron música mestiza e cosmopolita mesmo antes de que existisen esas palabras”. Así resume Xurxo Souto a historia de Dos Gaiteiros do mar

“Pouco se ten falado dos gaiteiros do mar”. Talvez, esa frase pronunciada polo Peix de Aldán, foi a mecha. Acabou por prendela a aparición dunha cinta histórica, un vello casete que resumía co play o son das gaitas sobre o mar. “Rubén Bastón trouxo ao programa Mil Ribeiras da Radio Galega un casete gravado no Gran Sol, no que se escoitaba o son da gaita mesturado cos motores do barco e con toda as armonías do mar; unha marabilla”, lembra Souto. Esa gravación, titulada Nos mares do Gran sol,  resulta ser unha sorte de long-play na que se escoita a gaita de Manoliño de Donón, o tamboril de Feliciano de Donón e o bombo de Manuel Martínez Santomé. Os tres marcharan ao Gran Sol, embarcados no Ría de Aldán e unha noite,  Santomé, xefe de máquinas do barco, afanouse por gravar a repichoca. Era 1974.

“Ao escoitar a cinta, que nos pasou Xurxo, a min impactoume eses momentos en que están todos tocando e de súpeto para a música. Eran os golpes do mar o que interrompían. As ondas facíanlles perder o equilibrio. Cando máis capeaba, máis tocaban”, explica Daniel Lavesedo, guionista do documental. “É que eles tocaban nos momentos nos que non se podían fanear, con mal tempo, con ondas de metros e metros”, completa Xurxo Souto, quen coñeceu a importancia de levar os gaiteiros ao mar grazas á preparación do seu libro Contos do mar de Irlanda (Xerais, 2014). Nese título Souto descubriunos aos terrícolas, “o prodixioso saber gremial do mar”. “Os terrícolas non sabemos nada do mar e, no fondo, o mar é a única industria futura que nos vai quedar, que non podemos perder. Poderán deslocalizar Inditex totalmente ou poderán trasladar a Citroën, pero o mar é o que sempre nos vai quedar. E aínda así, a nosa educación baséase na terra. Non sabemos nada”, reflexiona Souto.

Para superar ignorancias e recuperar memorias, Xurxo Souto publicou este libro que o levou a querer descubrirnos a historia destes gaiteiros do Hío, Manoliño e Lito, que embarcaron coas súas gaitas e levaron a música tradicional desta terra a través das correntes mariñas, dende o Gran Sol até Namibia, durante anos de ir ao mar.

 

O carnaval do Hío

O documental sabe a Terranova e ao Gran Sol. Tamén a Namibia. Mais, sobre todo, sabe e soa ao Morrazo. Porque no Hío e Aldán comeza todo

O documental sabe a Terranova e ao Gran Sol. Tamén a Namibia. Mais, sobre todo, sabe e soa ao Morrazo. Porque no Hío e Aldán comeza todo. Naqueles lares, medraron  Manoliño de Donón e Lito de Pinténs. Alí aprenderon a tocar a gaita e alí deveceron, xa na adolescencia, con subir ao Palco de Nerga, no Carnaval do Gaiteiro do Hío. Pero o mar roubolles a posibilidade. Cumpría embarcar. “A min sempre me gustou a gaita e sempre quixen tocar no Carnaval. Pero poucos días antes, tiven que marchar para o Gran Sol. Houbo que embarcar e xa non puiden”, lembra o propio Manoliño de Donón, un dos protagonistas do documental. “Tocar no Carnaval do Hío era unha das máximas aspiracións para un gaiteiro, unha festa de gran tradición, de gran interese. Debiamos ter 16 ou 17 anos… por aí. Pero é o que ten mariñeiro. A Manuel chamárono e marchou para embarcar. Estivo máis de vinte anos no mar, nunca puido tocar no Hío”, lembra Lito, quen tamén estivo nas cubertas durante tres anos tras rematar a mili.

“A vida de mariñeiro de verdade foi a de Manuel, a miña foi curta, estiven tres anos en barcos” sinala Lito, quen sempre embarcou coa gaita no medio da equipaxe. “É que era un compañeiro máis na tripulación, servíanos de entretemento, para desconectar do traballo, para escoitar música naqueles días nos que non pescabas”, sentencia o propio Lito. Para Manuel, a historia coa gaita foille semellante. “A min algún patrón me dixo aquilo de que sen a gaita, eu non subía ao barco”, rememora Manolito.

No Carnaval do Hío comezou unha frustración. E no Carnaval do Hío, corenta décadas despois, tamén rematou. Porque neste 2015, foi Xurxo Souto quen argallou para suturar a ferida. Reuniunos para que puidesen tocar xuntos. E non contento coa emenda, quixo deixar testemuño. Para eso enredou a Gzmusica.com, que se implicaron decontado na  gravación da actuación primeiro e, despois, na rodaxe e montaxe do documental.

“Este é un documental horizontal, todos somos directores no fondo. E fixémolo con moito cariño e humildade… Ás veces, o audiovisual chega aos sitios arrasando e nós fomos ao Hío cunha tremenda humildade. Porque o Carnaval do Hío é a súa festa e nós falamos coa comisión, con moito agarimo para que eles puidesen tocar e nós gravar”, explica Xurxo Souto. E alí, sobre o Palco, corrixiuse a historia destes gaiteiros do Mar. E tamén se gravou unha parte central deste documental.

 

As cousas do mar

“As cousas do mar non se contan na terra”. Esta máxima, do Machín de Muxía, tírase do libro Contos do mar de Irlanda. Mais ningunha máxima está libre de sucumbir á emenda. Sobre todo cano ten máis de fraude ca de lema. Iso é algo que ten claro tanto Xurxo Souto coma os seus compañeiros de equipo. “Non é certo iso de que as cousas do mar quedan no mar. Os mariñeiros queren e poden contar as súas historias, historias que importan. Só hai que querer escoitalas, preguntar. Eles quererán contalas se a xente lles dá valor”, sinala Daniel Lavesedo, quen engade que “eles en moitos caso non lles dan o valor que teñen as súas vivencias porque as viviron no día a día, pero son cousas fóra do común.”

Nas vivencias, o documental atopa outro dos seus piares. “Pasamos horas con eles, gravando, fomos as súas casas”, sinala Lavesedo sobre un documental na que as voces e as historias pertencen, ademais de a Manoliño de Donón e a Lito de Pinténs, a Feliciano de Donón, Manuel Martínez Santomé e mesmo ao Peix de Aldán, o encargado de poñerlle a voz en off á fita.

 

Concertos por radio

“Faciamos concertos a distancia en realidade. Porque nós tocabamos coa radio conectada a outros barcos, tamén escoitaban a nosa música, estabamos así sempre máis acompañados”

Manoliño de Donón levou a música tradicional do Morrazo polo mundo adiante. Sobre os barcos, entre as redes, do Gran Sol a Namibia. Ao seu carón, viaxaba a súa gaita. Tocaba cando podían e cando non podían facer outra cousa. Ás veces, a música sucaba os mares, non quedaba nos camarotes. Chegaba a outros barcos, en auténticas foliadas atlánticas. “Faciamos concertos a distancia en realidade. Porque nós tocabamos coa radio conectada a outros barcos, tamén escoitaban a nosa música, estabamos así sempre máis acompañados”, lembra un Manoliño que en Walvis Bay, Namibia, sorprendeu tamén coa súa gaita. “Pasamos alí un fin de ano e convidáronnos a tocar nunha discoteca, na festa de noitevella. O dono era un portugués e quixo que actuásemos. Non o podo dicir seguro, pero vaia… Foi a primeira vez que toda aquela xente escoitara unha gaita na súa vida.”  Probas para defender esa tese non lle faltan. Porque na alfándega, viuse na obriga de tocala diante dos funcionarios fronteirizos. Eles non recoñecían un instrumento, sospeitaban unha arma. “Waepon, weapon”, berrábanlle, talvez asustados, perante o inaudito. Xamais viran tal cousa. Quizais non a volveron ver.

“Comezamos a tocar na discoteca, que era un sitio grande. De súpeto, ateigouse a pista de baile… Eran todos galegos, non os coñeciamos, pero estaban alí. Sempre hai galegos a onde vaias. Foi moi emotivo”

Lito, pola súa banda, tamén ten lembranzas de momentos emocionantes que viviu co fol da gaita baixo o brazo. Ao outro lado do océano, no Atlántico Norte, tocou polas rúas de Saint Pierre et Miquelon, unha pequena illa situada fronte ás costas de Terranova. “Era Nadal e tocamos polas rúas, cheas de neve. De súpeto tiráronnos, o que pensabamos que era un ladrillo. Deixamos de tocar, pensando que estabamos a molestar. Pero non era ningún ladrillo, era unha caixa de bombóns que nos guindaran dende un convento de Monxas”, explica un Lito que, ao igual que Manoliño, chegou a cativar unha audiencia inesperada nunha discoteca. Neste caso, en San Xoán de Terranova. “O noso capitán era amigo dun canario que tiña alí un local. Visitounos no barco xusto cando andabamos a tocar.  Pediunos que foramos a súa discoteca a tocar, nos dixémoslle que non era boa cousa, que só tiñamos a gaita e que as pandereitas eran improvisadas, que estaban feitas con chapas”. Ao final, accederon a baixar do barco, a enfrontarse ao público.“Comezamos a tocar na discoteca, que era un sitio grande. De súpeto, ateigouse a pista de baile… Eran todos galegos, non os coñeciamos, pero estaban alí. Sempre hai galegos a onde vaias. Foi moi emotivo”, conclúe Lito.

Di Xurxo que o 23 “levaremos o mar do Morrazo e de Namibia ao mar de Betanzos, un mar fondo noutrora que hai que lembrar para a memória colectiva”. Así pois, no LAR DE UNTA, Dos Gaiteiros do Mar, mercores 23 ás 20:30! Medre o mar!!

Lar de Unta na Semana da Tortilla de Betanzos

Exif_JPEG_PICTURE

Semana da Tortilla de Betanzos, entre o 4 e o 13 de outubro de 2019.

Como todos os anos, a nosa asociación foi convidada a participar como xurado na Semana da Tortilla de Betanzos na edición de 2019.

Dous membros da nosa asociación nos representarán na mesma un nas xornadas de semana e outro nas xornadas de fin de semana e final.

Esperemos que como todos os anos sexa un grande éxito para a imaxe da nosa vila e que GAÑE A MELLOR TORTILLA DE BETANZOS !!!

Saída aos Cogumelos

2019-10 Cartace Cogumelos

A Asociación Lar de Unta prepara unha saída aos cogumelos para o día 19 de outubro.

Quedaremos no Bar Vazquez (Rúa Saavedra Meneses – Betanzos) ás 10:30 horas para dende alí achegarnos ao sitio de recollida compartindo os vehículos entre os participantes.

Posteriormente voltaremos ao local  pola tarde e prepararemos a partires das 20.00 horas os cogumelos, dando posteriormente boa conta deles nunha cea aberta aos participantes no evento.

Coñecer Galiza – Saída a Valdoviño e Ferrolterra 2019

Como todos os anos, a Asociación Lar de Unta está a organiza un evento de coñecemento do noso pais. Este ano nos desplazamos á zona de Valdoviño e Ferrolterra. Se celebrará os días 11, 12 e 13 de outubro, sendo ao aloxamento no Camping Valdoviño, dende onde nos moveremos para coñecer toda a comarca.

O sábado visitaremos Vilarrube, Cedeira e Cariño e a súa costa.

O domingo visitaremos Covas e a súa contorna.

Nace en Betanzos o “Cine Clube Lar de Unta”

NACE EN BETANZOS O “CINE CLUBE LAR DE UNTA”
O sábado 28 inauguranse as proxeccións co filme ESTRUCTURAS, PEL CONTRA PEL de Bocixa e Gallego.

A Asociación gastronómica, cultural, xuvenil e deportiva LAR DE UNTA de Betanzos crea o clube de cinema co seu mesmo nome. O sábado 28 de setembro ás 21:00 comenzará a actividade con unha estrea. Co obxectivo de complementar na cidade a oferta municipal máis comercial, Lar de Unta promove un clube de cinema ao estilo clásico con filmes de autor e de traballos audiovisuais que normalmente non se poden visionar en salas comerciais. O clube estreará as proxeccións co ciclo “Cinema daquí” con filmes de novos realizadores galegos. A primeira será a estrea de ESTRUCTURAS, PEL CONTRA PEL dos realizadores X.Antón Bocixa e Paco Gallego. A esta sucederán películas de Xurxo Souto, Marcos Nine, Eduardo Maragoto, ou os premiados internacionalmente Lois Patiño ou Eloi Enciso entre outros. A este ciclo seguirán outros de cinema de outros países e diversas temáticas e mesmo algún de cine galego infantil e de animación, de diversos xéneros ou de realizadores/as da comarca. Proxectaranse tamén filmes relacionados con tradicións populares como o antroido ou outras festas populares e temáticas sociais actuais. Neste primeiro ciclo contaremos cos proprios directores e productores para coloquios posteriores co público e ocasionalmente organizaranse conferencias e mesas redondas con profesionais do audiovisual. Pretendemos con esta iniciativa devolver a Betanzos a súa tradición cinematográfica ( Betanzos conta coa sala de cinema máis antiga do estado en funcionamento) aínda que  se proxectarán filmes do cine clube no Alfonseti en ocasións moi especiais. O Cine Clube Lar de Unta é de facto un proxecto complementario e non un competidor dos programas municipais cos que se propón convivir e mesmo cooperar. A propia sede da asociación na rúa Pescadería 1 no casco histórico, frente ao mercado municipal será a sala de proxeccións, co encanto do local, as vellas caballerizas do pazo do Marqués de Figueroa e con unha grande parede branca acondicionada para pantalla do Cine Clube. As proxeccións serán gratuitas para o púbico. O Cine Clube ten realizado xa contactos con FECIGA (Federación de Cineclubes de Galicia) outros cineclubes e  creadores para o asesoramento e colaboracións no futuro. O clube, conformado no seu inicio cos socios da asociación, estará aberto á participación de veciñ@s que o desexen no futuro pois está concebido como un proxecto aberto e participativo.

A.G.C.D.e X. Lar de Unta

Renda Basica 16-03-2019

O sábado 16 de marzo de 2019 realizouse un acto no local da asociación sobre a Renda Básica.

Explicouse o concepto de Renda Básica Universal e debatiuse entre os diversos partidos políticos con presencia na vila sobre o seu posicionamento sobre o tema.

Posteriormente un grupo de poetas realizaron un recital sobre o tema.

Nova directiva Lar de Unta

Con data 03 de febreiro de 2019 celebrouse Asemblea da Asociación Lar de Unta na que se procedeu a escoller a  nova directiva da mesma. Esta directiva ten o mandato de dirixir a nosa asociación para os vindeiros dous anos co cal o su mandato rematará no ano 2021.

A nova directiva márcase como obxectivo a dinamización interna e externa da asociación, servindo de canle para que todos os socios que queiran organizar algunha actividade a poidan desenvolver co maximo apoio.

Os cargos electos son a partires desa data:

Presidenta ……………………… Noelia Luisa Pérez Longueira

Vicepresidente ………………. Xabier Janeiro Cortés

Secretaria ………………………. Laura Mª Muíño Rivas

Tesoureiro …………………….. Fco. Xabier Doporto Santos

Vogal de Gastronomía …… María Angeles López González

Vogal de cultura ……………… Ana Vázquez Penín

Vogal de Xuventude ………… Paula Gómez Vázquez

Vogal Responsable Local … Rosa Mª Santiago Ares

 

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de cookies. Se segues navegando aceptalas.    Ver
Privacidad