Comisión Feira Medieval 2023

Creación da Comisión da Feira Franca Medieval 2023

Día 21 de abril 2023 – 20:00 horas

De cara a artellar a organización da vindeira Feira Franca Medieval 2023, procédese a formar a comisión que como todos os anos se encarga de organizar o evento na nosa Asociación.

O venres día 21 de abril celebrarase reunión presencial no local da asociación ás 20:00 horas.  Todos aqueles socios interesados en participar na mesma poden concorrer presencialmente ese día. Aqueles socios que non poidan asistir ese día e queiran participar na mesma, poden poñerse en contacto con calquera dos membros da xunta directiva para comunicarllo.

Esperamos que entre todos poidamos facer unha marabillosa Feira Medieval.

Memoria da II República. Proxección de “O Piloto”

XOVES 13 DE ABRIL – 19:30 H

LOCAL DE LAR DE UNTA –

Organizan Asociación Lar de Unta e Asociación Eira Vella.

Como acto de memoria do que representou a II República, a Asociación Lar de Unta ten a ben colaborar coa Asociación Eira Vella na organización dunha xornada especial do seu videoclube, proxectando o filme O Piloto.

Este acto pode é o inicio dun diálogo co resto de Asociacións da vila, de cara a organizar actividades de xeito conxunto que poidan dar satisfacción ás inquedanzas dos socios e aumentar a actividade cultural na nosa cidade.

 

Nova directiva Lar de Unta 2023

Hoxe  celebráronse as Asembleas Ordinaria e Extraordinaria da Asociación na cal se escolleu unha nova directiva.

Presentamos a composición da mesma para información a todos os socios, aproveitando para darlle as grazas polo traballo desenvolvido aos antigos membros da directiva.

Recibide un cordial saúdo e a directiva queda ao voso dispor para todo o que calquera socio poida necesitar.

Cineclube – Presentación do último libro de Manolo González

DIA 28/03/2023 — ÁS 19:30 H — LOCAL LAR DE UNTA

PRESENTACIÓN DO LIBRO DE MANOLO GONZÁLEZ: “Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil”.

Finalizamos o mes de marzo coa presentación do último libro de Manolo González sobre a figura de José Gil.

Nos días encantados de agosto é unha viaxe apaixonada na procura do ronsel esquecido do iconauta José Gil, o auténtico precursor do cinema galego, quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934. O seu labor pioneiro pode explicar o devalar de fitos fundacionais da nosa cinematografía: os comezos do pictorialismo, o reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cine industrial e turístico, a relación con Portugal, o cine educativo, etnográfico e científico e tantas outras achegas do cineasta de Rubiós (As Neves) a prol da exaltación do país que tanto amaba. Un home que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario colectivo. Para unha historia do cinema en lingua galega.

A presentación correrá a cargo de Xavier Campos, Licenciado en Filoloxía Galega e posgrao en xestión cultural. Foi técnico de lingua e cultura do Concello de Ribadeo (2003-2006) e xefe de gabinete do IGAEM – AGADIC (2006-2009). É membro da Xunta Directiva da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, da que foi fundador. Foi concelleiro en Ribadeo dende 2011.

O autor, Manolo González, é Licenciado en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, participou na formación de cineclubs na Rúa, Santiago de Compostela e Madrid. Foi director do I.F.P Allariz (1979-1982), onde realizou as primeiras experiencias de vídeo na escola de Galicia. Foi responsable de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia, da Videoteca de Galicia (1984-1985) e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998). Estivo vinculado á produtora Videovoz TV, na que realizou labores de produción, guión e realización de programas para a TVG. Levou a cabo traballos de investigación sobre a historia do cine, dos que destacan a catalogación e recuperación de material audiovisual galego producido por emigrantes en América. É tamén criador e impulsor do festival Chanfaina Lab.

Asemblea Xeral 2023: 26 de marzo de 2023

CONVOCATORIA XERAL ORDINARIA E ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA ASOCIACIÓN LAR DE UNTA

DOMINGO 26 DE MARZO DE 2023

Conforme aos estatutos da Asociación, a presidenta Noelia L. Pérez Longueira procede a convocar a Asemblea Xeral Ordinaria e Asemblea Extraordinaria de socios do ano 2023.

Terá lugar no local da Asociación o domingo 26 de marzo, sito na Rúa Pescadería ás 10:30 horas en primeira convocatoria e as 11;00 en segunda

A orde do día será:

Xunta Ordinaria

1. Lectura e aprobación da acta anterior

2. Contas e Balances do ano 2022

3. Memoria de actividades

4. Altas e baixas de socios

5 Rogos e preguntas.

A continuación se celebrará Xunta Extraordinaria coa seguinte orde do día:

1. Elección de Xunta Directiva

2. Rogos e preguntas.

En Betanzos a 27 de febreiro de 2023

Convocatoria de Asemblea Anual

8M : Mulleres co Mundo na Cabeza

DIA 08/03/2023 —- 19.30 H

LOCAL DA ASOCIACIÓN

Para conmemorar o Día Internacional da Muller, dende a nosa asociación temos a ben facer unha edición especial do Cineclube así como unha charla coloquio coa escritora Graciela Rabuñal.

Proxectaremos o traballo de Encarna Otero “Mulleres co Mundo na Cabeza”

Graciela Rabuñal é filla de emigrantes galegos no Uruguai, e como bibliotecóloga y documentalista, Graciela Rabuñal recorreu distintos países exercendo a súa profesión. A cidade de Montevideo, Venezuela e o  continente africano foron os lugares que mais a marcaron. Actualmente reside en Arteixo alonxada das súas actividade laborais, escribe poesía e relatos. Ademais dende 2019 forma parte do grupo literario Nómadas do verso”.

 

Cineclube: Especial Entroido – “Os Mecos de Roca” e “Os Corpos”

Cineclube Lar de Unta : Especial Entroido

Día 16/02/2023 — 20:00 h

Local do Lar de Unta

Con motivo do Entroido, o cineclube lar de Unta presenta unha dobre sesión proxectando o filme “Os Mecos de Roca” de Xosé Arias e Pepe Saavedra ás 20:00 horas e a continuación “Os Corpos” de Eloy Domínguez Serén.

Esperamos que gostedes da programación especial.

Xosé Arias é un dos grandes activistas da Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, autor do filme CINE TOMÉ unha raiolada en Guitiriz e tamén de OS MECOS DE ROCA sobre un Antroido tradicional chairego.

Emi Cagiao é a principal responsabel da recuperación do Antroido de Samede En Paderne e autora dun libro sobre este Antroido.

 

Eloy Domínguez Serén naceu en Simes (Galicia) en 1985. Estudou en Salamanca, Milán e Barcelona onde se licenciou en 2010. Antes de comezar a súa carreira como cineasta, traballou como crítico de cine para radio e prensa, chegando a ser membro de o Xurado Mozo da 67a Bienal de Venecia en 2010. En 2012 emigrou a Suecia, onde realizou a súa curtametraxe PETTRING. En 2014 realizou dous novos proxectos, a curtametraxe I DEN NYA HIMLEN (estreada no Festival de Cine de Estocolmo) e o mediometraxe JET LAG (programado no FID Marsella, Festival de Cine Europeo de Sevilla, Doc’s Kingdom e Lussas, entre outros).

A súa película INGEN KO PÅ ISEN estreouse en abril de 2015 en Visions du Réél e estivo programada en Mar del Plata, Lussas, Sevilla ou L’Alternativa, entre outras, mentres que os seus traballos máis recentes, a curtametraxe YELLOW BRICK ROAD, estreouse na Jihlava. Festival Internacional de Cine Documental o pasado mes de outubro. Actualmente traballa na posprodución de MIDVINTER, unha produción norueguesa rodada no Círculo Polar Ártico.

Entroido 2023: Cea Cocido de Entroido

Dia 20/03/2023 — 21:30 h.

Local de Lar de Unta

Cea Cocido de Entroido

Como ven sendo tradicional a Asociación Lar de Unta ven de organizar a cea de cocido de Entroido.  O evento celebrarase o luns día 20 de febreiro ás 21.30 horas no local da Asociación sito en Rúa Pescadería.

Será “obrigado” ir disfrazado habendo un premio ao mellor traxe da noite (un chupiño de licor café).

O cocido será aberto a socios e gratuído. Poderánse apunta a traverso das canles oficiais da asociación.

Contamos coa vosa presenza.

A directiva de Lar de Unta

Entroido 2023 : Obradoiro de Filloas

Día 19/02/2023 – — 18:30 horas

Local de Lar de Unta

Obradoiro de Filloas

Dentro dos actos do Entroido, Lar de Unta ten a ben organizar un obradoiro de feitura de Filloas.

Aprenderemos a facer o almoado tradicional para facer unha ricas filloas.

Utilizaremos unha filloeira de 5 unidades tradicional.

Faremos a proba da filloa para comprobar que saíron perfectas.

Esta acto está aberto a todos aqueles que queiran participar e pasar unha agradable noite de inverno.

Contamos contigo.

A dirección de Lar de Unta

Paulo Maestro presenta o seu poemario “Pensamientos de Escarabajo”

Paulo Maestro presenta o seu libro “Pensamientos de Escarabajo”

Día 04/02/2023 — 19:00 h

O polifacético Paulo Maestro presentará o día 04 de febreiro no noso local o seu libro “Pensamientos de Escarabajo”.

Este acto suporá a presentación en Betanzos do seu poemario e iniciamos co mesmo as presentacións de libros no noso local neste ano 2023.

Esperamos que sexa do agrado de todos os presente

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de cookies. Se segues navegando aceptalas.    Ver
Privacidad