Presentación do Libro de XABIER GAYOSO: “A lúa ouveada polo mundo”

VENRES DÍA 16/04/2021 – ÁS 19:00 HORAS NO LOCAL DA ASOCIACIÓN LAR DE UNTA – Rúa Pescadería 3 – 15300 BETANZOS

O polifacético autor Xabier Gayoso, gañador do I concurso de relato curto de Samaín da Asociación Lar de Unta vai presentar o vindeiro venres no local da nosa Asociación o seu último libro “A lúa ouveada polo mundo”.

Este libro, escrito durante o confinamento, ven de converterse no número 1 de vendas en Amazón en galego.

Sinopse

Nunha pequena aldea galega atópase o anelo dun profesor: traballar nunha das mellores escolas experimentais do mundo.
Pronto descubrirá que o seu soño se converteu nun pesadelo.
A morte dunha nena obrígao a reconstruír o último curso nun relato no cal as vellas lendas e a Santa Compaña crúzanse cos acontecementos ocorridos en Tui durante a Guerra civil española.

 

Programación Nadal: Pechamos o ano 2020

Como colofón deste ano no que tan complicado se nos fixo poder intenter convivir cunha certa normalidade, todas as seccións do Lar de Unta despídense esperando que o novo ano nos permita recobrar todas as xuntanzas que nos facían disfrutar da compañía da familia e amigos sen ningún tipo de cortapisa.

Para rematar o ano presentamos catro actos que esperamos sexan do voso agrado.

Todos estes actos celebraránse de acordo ao protocolo de seguridade marcado polas autoridades, gardando a distancia de seguridade e co uso de máscara obrigatorio.

DIA 28/12/2020  —  17:00 h.

DIALOGOS NO LAR CON BIEITO LORENZO  E A RENDA BÁSICA UNIVERSAL

DIA 28/12/2020 — 19:00 h.

CINECLUBE LAR DE UNTA: “Matanza Canibal dos Garrulos Lisérgicos”.

DIA 29/12/2020 — 19:00 h.

PRESENTACIÓN DE LIBRO. JOSÉ TOGORES HERNANI: “Adegas do Viño do Pais, Betanzos. Unha tradición por reinventar”.

DIA 30/12/2020 — 19:00 h.

CINECLUBE LAR DE UNTA: “Asterix o Galo”.

 

 

 

Asemblea Extraordinaria día 27/12/2020

O vindeiro día 27/12/2020 ás  11:30 horas en primeira convocatoria e ás  12:00 horas en segunda convocatoria,  celebrarase Asemblea Extraordinaria no Local do Lar de Unta co seguinte orde do día:

  1. Cotas anuais a Fragas do Mandeo
  2. Rogos e preguntas.

Dada a importancia do tema primarase que os socios que o desexen poidan  realizar a delegación do voto do xeito estipulado a traverso do documento existente na páxina web [ 2020-01 Impreso de Delegación de Voto ] .

Lembramos que o aforo máximo do local é de 20 persoas.

Recibide un cordial saúdo.

A socia Pastora Veres presenta o seu libro “Lareira de Soños”

O día 18 de decembro ás 19:00 horas, a Asociación LAR DE UNTA de Betanzos (Rúa Pescadería 3)  acollerá a presentación do libro LAREIRA DE SOÑOS, de Pastora Veres, socia da nosa asociación.

Coa autora participarán o músico e documentalista betanceiro Dani López e o escritor e xornalista de Betanzos Xesús Fraga, gañador do prémio Blanco Amor de novela 2019 e tamén veciño de Betanzos.
  A publicación é o resultado dun traballo de investigación na parroquia do poeta Díaz Castro iniciado hai 6 anos coincidindo coa dedicatoria das Letras Galegas  en 2014 ao poeta dos Vilares.
O libro inclúe tamén o DVD co documental Entrar aos Vilares (finalista da #12MICE) realizado por Cibrán Tenreiro.
O resultado son máis de 250 páxinas nas que se da un repaso á história recente dunha parroquia chairega, ás experiencias vitais da propia autora e ás historias das súas xentes, persoas anónimas que cobran protagonismo nesta obra. Máis de 170 fotos recollidas polas casas, acompañadas dunha narración en primeira persoa que non deixa indiferente a ninguén nunha linguaxe entre xornalística e poética con un xeito único e persoal de narrar.
Lareira de soños é o resultado dunha encomenda feita polo poeta Manuel María a Pas Veres na I Romaría Labrega da Chaira na inauguración dunha exposición de fotos antigas na que poeta chairego suxeríu a Pas Veres indagar na historia daquelas xentes e trasladalas a unha publicación.

O resultado é este libro-DVD editado por Edicións Fervenza co patrocinio do Concello de Guitiriz, da Deputación Provincial de Lugo, da Dirección Xeral de Política linguística da Xunta de Galicia e de GADIS.
A autora, traballadora social da Xunta de Galicia na Coruña, é natural de Os Vilares, en Guitiriz e reside en Betanzos.
Na presentación, aplicaranse o aforo, distancias e medidas sanitarias do COVID dictadas polas autoridades.

Diálogos no Lar con Pilar Alarza e Queremos Ser Feministas

Pilar Alarza Bermúdez

Sábado 12 de decembro ás 19.00 horas

“Feminismo e violencia de xénero: Mamá quero ser feminista”

A responsable do Centro de Información á Muller (CIM) de Coirós, Pilar Alarza Bermúdez, nos achegará nunha conferencia a problemática da violencia de xénero.

Para ilustrar a temática se apoiará no libro “Mamá quero ser feminista” de Carmen G de la Cueva.

Esperamos que esta conferencia sexa do voso agrado e lembramos que como sempre o aforo estará limitado a 20 persoas e haberá que ter en conta as precaucións de distancia e uso de máscara.

 

Diálogos no Lar con José Manuel Vázquez Mosquera e as “Hortas Urbanas”

JOSE MANUEL VAZQUEZ LORENZO

Hortas Urbanas: Un rico pasado para un vigoroso futuro

Venres día 11 de decembro ás 19:00 horas no local de Lar de Unta.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O profesor universitario José Manuel Vázquez Moquera, especialista en urbanismo, disertará o vindeiro venres no local da nosa asociación sobre o pasado e futuro da vila de Betanzos dende un novo enfoque.

Centrarase nas hortas urbanas como elemento de fomento do cambio e a urbanización sostible.

Como sempre, o aforo será limitado a 20 persoas e teremos as limitacións de distancia e uso da máscara obrigatoria.

Esperemos que vos agrade esta nova conferencia da nosa Asociación.

 

Canal de Youtube do Lar de Unta

Continuando coa laboura de difusión das actividades da asociación, a directiva tivo a ben crear unha nova canle de youtube na que pensamos colgar conferencias e actividades que se celebren no noso local e que teñan un carácter público.

Estimamos que é importante que a xente que non se pode achegar por mor da pandemia poida visualizar, se ten interese, estes acontecementos dende a súa casa.

Sara Fraga Pérez e a súa conferencia sobre recollida etnográfica “colleitando cultura” é a primeira da serie que pretendemos ir subindo.

Diálogos No Lar: Con Sara Fraga Pérez… “COLLEITANDO CULTURA”

Nova conferencia na Asociación Lar de Unta.

Sara Fraga Pérez ilustrará o proceso de recollida etnográfica e cultural a traverso da conferencia titulada “COLLEITANDO CULTURA”.

O evento celebrarse o sábado 28/11/2020, ás 19:00 horas no Local de Lar de Unta contando cun aforo máximo de 20 persoas e cos requisitos de mantenza de distancia social e uso de máscara.  Como sempre poderase reservar  ata o día anterior.

Sara Fraga Pérez

(pequena biografía sacada da páxina web da Asociación Casa dos Espellos)

Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Mestra en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte da mesma Universidade.

É investigadora nos campos da historia social, da historia de xénero e das cuestións relacionadas ca indumentaria.

Ademáis de participar na Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo, onde foi unha das encargadas de facer as visitas guiadas ao Parque durante o verán do 2017, tamén colabora na asociación estudantil Entre Clío y Euterpe: Arte y poder, que agrupa a novos investigadores nos campos da arte e o poder e ten traballado no xacemento arqueolóxico de Cova Eirós.

Ten participado en congresos con investigacións sobre indumentaria, coma o seu traballo que leva por título Detrás del corsé y la crinolina: la indumentaria de la mujer y el prestigio social en el matrimonio victoriano ou Leva a vida dun home, pero siga sendo unha muller. Moda, feminidade e feminismo.

Durante o 2018 realizou unha estancia na Galería de Arte, Arquitectura e Deseño PROgetto Città (Sicilia), onde asistíu ao comisario da exposición La verità di Luigi Ghersi e ao da Città e paesaggi alternativi. Aquí foi tamén a encargada de dar a conferencia Italia/Spagna in Galleria PROgetto Città, no curso de lingua española da Universidade da Terceira Idade de Barcellona Pozzo di Gotto.

No 2019 foi a encargada de realizar a exposición 25 anos vestindo á EMUF, actividade que compaxinou co seu traballo na biblioteca viguesa Juan Compañel.

 

Lar de Unta e Betanzos …. EN NEGRO

A nosa Asociación solidarízase coa campaña promovida dende moitos Concello de Betanzos e outro moitos do noso pais en contra da Violencia de Xénero.

Entendemos que é un deber de todos o loitar contra esta lacra que condiciona a vida de tanta xente. Dende a nosa Asociación sempre apoiaremos a loita para acadar os obxectivos necesarios para que cada quen poida ser e desenvolverse como mais lle apeteza sen medos e con valentía.

Homenaxe a Don Ricardo: CERNA DE CARVALHO … CARVALHO CALERO

DIA 21 / 11 / 2020 – LOCAL DO LAR DE UNTA

A asociación Lar de Unta, co ánimo de non deixar pasar este ano sen facer unha homenaxe a don Ricardo Carvalho Calero, ten a ben organizar unha xornada de divulgación da súa figura e de debate sobre a situación do galego e o seu futuro.

18:30 Ofrenda a Ricardo Carvalho no adro de Santa María de Betanzos

19:00 Proxeción do filem “O Decreto Filgueira”.

19:30 Coloquio entre os ponentes Dores Cao (profesora no IES As Mariñas) e Ramiro Vidal Alvarinho (escritor e activista cultural), desentrañando as diferentes posturas sobre o camiño que ten que tomar a nosa língua en realación coa súa norma oficial.

Como sempre o acto está limitado a 20 persoas e deberán gardarse as limitacións da actual pandemia (máscara e distancia de seguridade). Poderase reservar con antelación a traverso do mail oficial ( lardeunta@lardeunta.org ) e no Was de socios.

 

 

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de cookies. Se segues navegando aceptalas.    Ver
Privacidad