DIA 28/03/2023 — ÁS 19:30 H — LOCAL LAR DE UNTA
PRESENTACIÓN DO LIBRO DE MANOLO GONZÁLEZ: “Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil”.
Finalizamos o mes de marzo coa presentación do último libro de Manolo González sobre a figura de José Gil.
Nos días encantados de agosto é unha viaxe apaixonada na procura do ronsel esquecido do iconauta José Gil, o auténtico precursor do cinema galego, quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934. O seu labor pioneiro pode explicar o devalar de fitos fundacionais da nosa cinematografía: os comezos do pictorialismo, o reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cine industrial e turístico, a relación con Portugal, o cine educativo, etnográfico e científico e tantas outras achegas do cineasta de Rubiós (As Neves) a prol da exaltación do país que tanto amaba. Un home que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario colectivo. Para unha historia do cinema en lingua galega.
A presentación correrá a cargo de Xavier Campos, Licenciado en Filoloxía Galega e posgrao en xestión cultural. Foi técnico de lingua e cultura do Concello de Ribadeo (2003-2006) e xefe de gabinete do IGAEM – AGADIC (2006-2009). É membro da Xunta Directiva da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, da que foi fundador. Foi concelleiro en Ribadeo dende 2011.
O autor, Manolo González, é Licenciado en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, participou na formación de cineclubs na Rúa, Santiago de Compostela e Madrid. Foi director do I.F.P Allariz (1979-1982), onde realizou as primeiras experiencias de vídeo na escola de Galicia. Foi responsable de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia, da Videoteca de Galicia (1984-1985) e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998). Estivo vinculado á produtora Videovoz TV, na que realizou labores de produción, guión e realización de programas para a TVG. Levou a cabo traballos de investigación sobre a historia do cine, dos que destacan a catalogación e recuperación de material audiovisual galego producido por emigrantes en América. É tamén criador e impulsor do festival Chanfaina Lab.