José Vázquez Liste presenta “Poematizar”

Día 06/04/2024 — 19:00 h

Asociación Lar de Unta

O poeta JOSÉ VÁZQUEZ LISTE presenta a súa obra “Poematizar” en Betanzos.

A Asociación Lar de Unta organiza a presentación desta obra de José Vázquez Liste e que contará ademais coa presenza de ANTON LAIA,
mestre e poeta, e INMA DOVAL, pintora e poeta, nunha velada na que recitaremos os versos .

Poematizar é un poemario que xorde doutros versos escollidos de diferentes autores de fonda significación para a cultura galega. Ao longo dos trinta textos poéticos que conforman este libro, revisamos o legado da poesía dende a tradición lírica medieval até a obra da última gañadora do Premio Nacional de Poesía, a poeta Yolanda Castaño.

O esplendor artístico da poética galega perdura dende séculos inspirando e acompañando o noso sentir díario. Así nace Poematizar, ao abeiro das verbas e herdanza de, entre outros, Manoel Antonio, Olga Novo ou Luz Campello, xunguidos todas eles a nós por elementos comúns que perduran e nos representan ao longo do tempo como sinal de identidade cultural.

Poematizar rende tributo aos bardos de onte e hoxe, voces inmortais, universais e necesarias para a comunidade e a alma.

Pecha o poemario un soneto de Manuel María como símbolo da terra, do mar e da luz que nos aluma en tempos de escuridade.

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de cookies. Se segues navegando aceptalas.    Ver
Privacidad