Domingo 28/04/2024 — 12:00 h.
SESIÓN VERMÚ DE PRESENTACIÓN DO LIBRO
O domingo 28 de abril, ás 12:00 h celebraremos unha sesión vermú coa presenza de Xurxo Souto presentado o seu libro “O Método Luisa Villalta”.
Este libro enmárcase nas conmemoracións polo día das letras galegas da Asociación Lar de Unta e consistirá nunha presentación, como todas as que fai Xurxo, con música, historias e bo ambiente.
Invitamos a todos aqueles que se queiran achegar ao Lar de Unta a participar neste evento con prezos populares (vermú a 1 euro).
Reseña
O primeiro monumento da literatura galega son as cantigas medievais. Os “Cantares Gallegos” de Rosalía son o gran referente do Rexurdimento. Cantigas e cantares. Non obstante, a música sempre estivo ausente nas clases de literatura. En 1999 Luísa Villalta publicou “O outro lado da música, a poesía”, libro-referente, onde puxo en valor a mutua atracción que senten entre si ambas as dúas artes. Seguindo o seu método, penetramos na selva vizosa da música galega contemporánea para procurar esa unidade primixenia. E buscámola especialmente nas marxes, territorios case invisíbeis para o gran público, onde medra cada día o poder da creatividade.