Cineclube: A Milla Verde

10/04/2024  — 19:00 h.

Local de Lar de Unta

O día 10 de abril proxectaremos no cineclube a película A Milla Verde (The Green Mile).  A continuación celebraremos o acostumado coloquio.

Esta proxección enmarcase na programación especial que o cineclube está a realizar con películas estreadas en 1999 e que en 2024 cumpren 25 anos.

A milla verde (The Green Mile) é un filme estadounidense  dirixido por Frank Darabont que se estreou en 1999. Está baseada na novela do mesmo título de Stephen King escrita en 1996.  O filme está contado en modo de flashback e está protagonizado por Tom Hanks, que interpreta a Paul Edgecomb, e por  Michael Clarke Duncan como John Coffey. A historia trata sobre a vida de Paul como funcionario de prisións no corredor da morte durante a Gran Depresión nos Estados Unidos, e os eventos sobrenaturais dos que é testemuña. O filme foi nomeado a catro Premios Oscar.

Sinopse

Nun lugar do sur dos USA, en plena Depresión, Paul Edgecomb é un funcionario de prisións encargado de vixiar a Milla Verde, un corredor que separa as celas dos presos condenados á cadeira eléctrica. John Coffey, un xigantesco afroamericano acusado de asasinar brutalmente a dúas irmás de nove anos está agardando a súa inminente execución. Tras unha personalidade inxenua e infantil, Coffey agocha un prodixioso don sobrenatural. Cando se presenta a ocasión de poñelo en práctica, Edgecomb aprenderá que os milagres existen, mesmo nos lugares máis insospeitados.

Viñofolk: Adegas Rilo e Grupo Familia Rios

Día 03/02/2023 — 20:30 h

Local do Lar de Unta

O día 3 teremos unha nova xornada de viñofolk no que disfrutaremos dos viños de Adegas Rilo. Poderemos catar o seu branco lexítimo e o mencía que colleita na nosa bisbarra.

Acompañaranos o grupo folk Familia Rois que amenizará a noite coa súa música.

O prazo para apuntarse será ata o 28 de xaneiro para os socios e a partir dese día poderán apuntarse non socios ata completar aforo (data límite o 01 de febreiro).

Como sempre poderán apuntarse no mail da Asociación, no wathsapp ou poñéndoo en coñecemento de calquera membro da directiva.

 

 

Cineclube – Presentación do último libro de Manolo González

DIA 28/03/2023 — ÁS 19:30 H — LOCAL LAR DE UNTA

PRESENTACIÓN DO LIBRO DE MANOLO GONZÁLEZ: “Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil”.

Finalizamos o mes de marzo coa presentación do último libro de Manolo González sobre a figura de José Gil.

Nos días encantados de agosto é unha viaxe apaixonada na procura do ronsel esquecido do iconauta José Gil, o auténtico precursor do cinema galego, quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934. O seu labor pioneiro pode explicar o devalar de fitos fundacionais da nosa cinematografía: os comezos do pictorialismo, o reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cine industrial e turístico, a relación con Portugal, o cine educativo, etnográfico e científico e tantas outras achegas do cineasta de Rubiós (As Neves) a prol da exaltación do país que tanto amaba. Un home que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario colectivo. Para unha historia do cinema en lingua galega.

A presentación correrá a cargo de Xavier Campos, Licenciado en Filoloxía Galega e posgrao en xestión cultural. Foi técnico de lingua e cultura do Concello de Ribadeo (2003-2006) e xefe de gabinete do IGAEM – AGADIC (2006-2009). É membro da Xunta Directiva da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, da que foi fundador. Foi concelleiro en Ribadeo dende 2011.

O autor, Manolo González, é Licenciado en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, participou na formación de cineclubs na Rúa, Santiago de Compostela e Madrid. Foi director do I.F.P Allariz (1979-1982), onde realizou as primeiras experiencias de vídeo na escola de Galicia. Foi responsable de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia, da Videoteca de Galicia (1984-1985) e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998). Estivo vinculado á produtora Videovoz TV, na que realizou labores de produción, guión e realización de programas para a TVG. Levou a cabo traballos de investigación sobre a historia do cine, dos que destacan a catalogación e recuperación de material audiovisual galego producido por emigrantes en América. É tamén criador e impulsor do festival Chanfaina Lab.

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de cookies. Se segues navegando aceptalas.    Ver
Privacidad